20 e 21 de Abril - Mar & Meseta: Intercambio musical galego e castelán
Mar e Meseta é un encontro multixeracional para aprender e gozar da música folk e tradicional. O coñecemento, a creatividade e a comunidade son os piares que alimentan unha experiencia vital, que será unha oportunidade para irmandar asociacións e crear vínculos de amizade e lembranzas para toda a vida. Crear un espazo para o intercambio cultural musical; a comida, as foliadas e o baile, establecendo unha vía interpersoal e intrapersonal, que constitúe as bases dun futuro de riqueza cultural e alta autoestima xeracional.
Combínanse actividades musicais de formación con outras de diversión e tempo libre. Está destinado a aquel alumnado que teña como mínimo un ano de coñecemento de instrumento. Estableceranse grupos por nivel: nivel elemental, medio e avanzado.
Nesta ocasión o curso completo, aberto a todas as idades, consistirá dos dous días*, incluíndo ademais unha cea concerto aberta ao público xeral o sábado, se ben o día máis indicado para traerdes á vosa cativada será o domingo pola mañá, xa que ofreceremos unha sesión vermú para as familias.
Entre o profesorado co que contaremos están María San Miguel, Galen Fraser, Blanca Altable, Chuchi Cuadrado, Alfonso Franco, Begoña Riobo, Anxo Pintos, Marina Carpente e Claudia Abril. As clases estarán divididas en tres niveis segundo capacidade de aprendizaxe por ouvido. Tedes toda a información aquí.
Reserva xa a túa praza inscribíndote no formulario que atoparás a continuación nesta mesma páxina, e realizando o pagamento mediante transferencia bancaria.
*O curso enteiro non inclúe a pernoita, se ben montaremos tendas de campaña para os nenos e nenas que queiran ficar a durmir. En caso de choiva, habilitaremos o salón para este efecto.