Abren as inscricións para San Simón Fiddle India 2024 (Especial Rajhastán), unha máxica viaxe musical ao subcontinente asiático

Abren as inscricións para San Simón Fiddle India 2024 (Especial Rajhastán), unha máxica viaxe musical ao subcontinente asiático

Abren as inscricións para SSF 2024

San Simón Fiddle é un curso de verán infantil e xuvenil cunha longa traxectoria, onde se combinan actividades musicais con outras de lecer e tempo libre. Organizado pola Asociación Cultural Galicia Fiddle, trátase dunha experiencia única construida dende a convivencia e o intercambio cultural, no que cada edición está dedicada á música popular dun país ou rexión.

Unha semana orientada a potenciar o uso dos instrumentos de corda (violín, viola, chelo, contrabaixo, guitarra) no ámbito da música tradicional e a aprendizaxe por oído, desfutando do incomparable marco natural da Illa de San Simón.

Na próxima edición, que terá lugar do 1 ao 7 de xullo, máis dun cento de participantes vivirán un máxico encontro, unha fusión única entre dúas tradicións musicais cautivadoras: a vibrante herdanza de Rajhastán e a rica tradición galega, tendo a oportunidade de aprender de músicos directamente traídos para divulgar instrumentos como a ravanattha ou o sarangui empregados na música india polo noso país.

Como tódolos anos, celebraremos un concerto o último día amosando como a cultura e a diversidade musical une a persoas de diferentes partes do mundo, nun claro exemplo de como a música é unha fermosa ferramenta para a interculturalidade, a paz e o enriquecemento social e cultural. 

Alfonso Franco nunha escola da India

Entre os profesores e artistas convidados, podemos confirmar xa a Hari Ram dum Bopá, tocador de ravanattha que leva máis de 30 anos facendo da música a súa forma de vida na contorna de Jaisalmer, Rajasthan; ou Raphäel Maillet, intrépido violinista e contador de historias francés que nos sorprenderá coa súa peculiar maneira de entender a música.

Para poder reservar unha praza no curso deste ano, as persoas socias de Galicia Fiddle, ademais doutra gran serie de vantaxes, dispuxeron dun primeiro prazo de reserva exclusiva ata o 15 de febreiro, día a partir do cal todo aquela persoa que estea interesada poderá reservar a súa praza a través da nosa web.

San Simón Fiddle destaca polo método de aprendizaxe empregado, onde a música é transmitida oralmente, prescindindo de partituras e agudizando a capacidade de retención musical da rapazada, o que lles permite descubrir outra maneira de relacionarse co seu instrumento gozando da música independentemente do seu nivel técnico.

Alén da actividade musical, o curso complétase con obradoiros de danza, talleres de temática bio, ou mostras de luthería, e por suposto como selo distintivo das nosas actividades a xestión eficiente de residuos grazas ao manual EcoFiddle elaborado por SIA Educación Social, e o uso de produtos Toxic Free, que nos permite convivir nun espazo libre de tóxicos. Como novidade, nesta edición dedicada á India, aprendices e oíntes poderán desfrutar dun achegamento á representación de auténticos músicos da ravanattha con títeres Kathpuli, de tradición milenaria. 

A Asociación Cultural Galicia Fiddle, dirixida polo profesor de violín na ETRAD de Vigo Alfonso Franco, co apoio dos destacados músicos Begoña Riobó ou Anxo Pintos entre outros, leva máis dunha década traballando pola divulgación do violín na música popular galega, así como un uso alternativo dos instrumentos de corda. Outros proxectos salientables da Asociación son o Encordass Fiddle Fest, a Galicia Fiddle Orquestra ou a organización de cursos con importantes mestres internacionais durante o ano. Asimesmo, editou os discos “Acorle” (2018) e “Acanteira” (2021), nos que amosa con afouteza boa parte da nova xeración de violinistas galegos formados na asociación.