Barja Drnovšek e Bojan Cvetrežnik estarán en Xustáns os vindeiros 16 e 17 de marzo

A Asociación Cultural Galicia Fiddle, e desta vez a través da súa sección xuvenil “3cuartos”, organiza un novo curso na Casa dos Músicos en Xustáns, Pontecaldelas, os vindeiros 16 e 17 de marzo.
A protagonista desta volta será a música balcánica, da man dos talentosos músicos eslovenos Barja Drnovšek e Bojan Cvetrežnik, que xa estiveron connosco como mestres do SAN SIMÓN FIDDLE 2019 (Erasmus+ East-West Crossing Over), no que sen dúbida foron unha peza chave para conformar as sinerxías que conseguir facer daquela edición unha das mellores en canto a calidade musical. Non só iso, senón que tamén nos amosaron xa daquela o seu xeito único de incorporar con brillantez elementos do violín clásico ou jazz ás músicas tradicionais dos países do leste europeo.
De seguro que todos os participantes daquel ano lembrarán cun agarimo especial o “Jovano Jovanke” (e a emocionante interpretación do mesmo no concerto final) a través do cal Bojan foi quen de facérenlles interiorizar os complicados ritmos balcánicos cunha melodía ademais que ata entón tería resultado moi estraña para os nosos atlánticos ouvidos, pero que grazas á gran capacidade de Bojan para a pedagoxía musical conseguímola interpretar de xeito tan natural como apaixoado.
Pois así é como se define Bojan Cvetrežnik principalmente: intérprete, mestre apaixoado, educador e compositor. Foi solista na Ópera Nacional de Eslovenia e no Cirque du Soleil, profesor no Conservatorio de Maribor e mentor en improvisación no jazz na Academia de Música de Ljubljana. Leva máis de 20 anos dirixindo numerosos proxectos creativos polos que obtivo varios premios nos máis diversos estilos, entre os que destacan a banda internacional Terrafolk e a Symbolic Orchestra.
Pola súa banda Barja Drnovšek é unha violinista de formación clásica que se intrigaría pola música folk máis tarde. Graduouse no Carinthian State Conservatorium (Austria) e obtivo un mestrado na Academia de Música de Ljubljana. Ademais de pertencer a varias orquestras clásicas, asistiu a moitos workshops e fiddle camps e formou parte de grupos como Terrafolk, Symbolic Orchestra, Ida&Other Bears, Grad gori! or Kate in the Kettle, e por suposto un dúo con Bojan Cvetrežnik. Ademais disto, deixou o seu traballo nunha escola para centrarse en ser unha músico freelance e mestra de violín, formando parte dos programas educacionais de ONE Music Society ou participando en obras de teatro, monicreques ou sendo unha músico de estudio para gravacións de películas ou radio.
Barja e Bojan son os responsables de Godalkanje, unha plataforma educacional para o violín tradicional e a música improvisada onde os estudantes aprenden a tocar a un gran nivel dun xeito moi polivalente, sempre co obxectivo de axudar a eliminar as divisións artificiais entre os distintos estilos dende os que se aborda o ensino do violín.
Os cursos que impartirán en Xustáns versarán sobre a música balcánica, e completaranse cunha cea-concerto aberta a todo o mundo na noite do sábado.